Sunday 05 de May de 2024

Cae unha rama de máis de 3 toneladas dun dos magnolios dos xardíns Felipe de Castro


 

O Concello de Noia ten acordoada a zona ata que a árbore sexa inspeccionada por unha empresa especializada e pide á veciñanza que non se achegue ao lugar por motivos de seguridade

O Concello de Noia informa da caída dunha rama de entre 3 e 4 toneladas dun magnolio emprazado na entrada dos xardíns Felipe de Castro. Un incidente que, a pesar do tamaño e do peso da devandita póla, afortunadamente non causou ningún dano, nin persoal nin material. Durante esta mañá, técnicos municipais procederon á retirada da rama caída, así como a acordoar a zona por motivos de seguridade.

A concelleira de Parques e Xardíns, Mariola López Cierto, fai un chamamento á responsabilidade da veciñanza para que “ninguén se salte a zona restrinxida, cando menos mentres duren os traballos para asegurar que o magnolio está en boas condicións e está equilibrado”.

López Cierto explica que “estamos á espera dun informe para coñecer as causas do acontecido pero todo parece indicar que a caída debeuse a unha combinación entre a avanzada idade do magnolio e o peso da propia rama. De todos modos, estaremos pendentes do informe, que fará unha empresa especializada neste tipo de árbores e que será tamén a encargada de facer as actuacións pertinentes de desramaxe e tratamento do magnolio, xa que os operarios municipais limitáronse hoxe a retirar a rama caída”.